venres, 25 de outubro de 2013

A revolución dixital


Aínda lembro cando de cativa chegaban as dez da noite e a miña nai mandábame dereitiña a durmir. Xusto no momento no que comezaba aquela serie que levaba degoirando ver durante todo o día. Pero tamén lembro como ao día seguinte a televisión emitía o capítulo que me perdera.  Parece que hai décadas que deixaron de existir os videos. Mais non son tan vella e formei parte –durante moi pouco tempo, iso é verdade- daquela xeración que gravaba a súa serie nunha cinta de video.

Atopámonos en plena revolución dixital –un problema para torpes coma min nisto das tecnoloxías-. Pouco tempo hai da transición do sistema analóxico ao dixital. En ambos casos transmítese un sinal eléctrico. Así como no análogo a tradución dos datos está en forma de impulsos eléctricos nos que a variación reside na amplitude, no dixital a tradución faise ao sistema binario de ceros e uns, onde as diferentes amplitudes representan os 0 e os 1.

Este salto tecnolóxico mudou por completo os campos da fotografía, o reloxo, o fax, a televisión, a radio e o teléfono. Pódese considerar un dos maiores impactos sobre as telecomunicacións e radiofusións nas últimas décadas. Os beneficios ante a clara eficiencia do sinal dixital son evidentes. Estamos a falar de ventaxas económicas, de programación e de velocidade, entre outras.

Agora todo semella diferente, a evolución da tecnoloxía avanza a pasos axigantados. Mergullámonos nun mundo inundado por e-mails, chats, videoconferencias e todas esas palabras imprevisíbeis uns anos atrás. Porén a evolución -ou mesmo revolución- sempre e boa, é a base do ser humano. Aínda que para moitos, ás veces, produce calafríos.



Bibliografía

Hermosillo Lozano, Judith (2010). "De lo análogo a lo digital". Slideshare [En liña]
<http://www.slideshare.net/JudithHL/de-lo-anlogo-a-lo-digital-5340889> [Consulta 14 outubro 2013]

Hernández Ochoa, César Emiliano (s.f.). "Transición de la tecnología analógica a la digital". Biblioteca Jurídica Virtual. [Biblioteca en liña]
<http://biblio.juridicas.unam.mx/libros/5/2444/11.pdf> [Consulta 14 outubro 2013]

Ramirez, F. J. (2008). "Señales analógicas y digitales". Tu electrónica [En liña]
<http://www.tuelectronica.es/tutoriales/telecomunicaciones/senales-analogicas-y-digitales.html> [Consulta 14 outubro 2013]

Ningún comentario:

Publicar un comentario